Tsunami
Non foron as ondas do mar de Vigo que dicía a famosa composición medieval galegoportuguesa as que azoutaron as costas do sureste asiático. Hoxe, e non creo que a cifra deixe de medrar, xa son 130.000 os mortos por un mar embravecido que arrasou todo canto colleu ao seu paso por un movemento sísmico que axitou o seu movemento. Non trouxo amor esa onda. Non. Trouxo morte e destrución. Morte que, aquí en occidente só nos fai tomar consciencia cando por aqueles lares do mundo as cifras chegan a estes números tan elevados. 130.000 e desgrazadamente serán máis. Imaxinade que agora mesmo Galiza perdese 130.000 habitantes de golpe. Eu non podo. Esta catástrofe perdeu xa toda dimensión. As imaxes falan por si soas. Morte. É hora de que este mundo que vive na opulencia, eu mesmo, comecemos a facer algo por toda esta xente. É hora de que estes eternos esquecidos entren para sempre nas nosas vidas. É hora de que o mundo se faga un pouco máis humano e as relacións económicas xa non sexan as que rexan os nosos destinos. É hora, agora máis que nunca, dun novo mundo. Os máis necesitados deben ser dunha vez por todas recompensados. É hora de que este noxento mundo capitalista deixe de mirarse ao embigo e vexa que hai algo máis aí fóra ademais do diñeiro. Que existen persoas que sofren. É hora de ser solidario. ELES FARÍANO POR TI.