O traballo, un medio ou un fin?
Esta noite un amigo fíxome reflexionar sobre algo que eu xa tiña moi claro. É o traballo un medio de sobrevivir ou un fin en si mesmo? Eu creo, mellor supoño que o meu pensamento así mo fai ver, que o traballo é un medio co que o home pode conseguir outros fins. Levar unha vida máis ou menos cómoda, ter algunha que outra afición e mesmo permitirse algo tan burgués coma unhas vacacións. Pero, é o traballo un fin? Pode haber algún neste planeta que considere que o traballo é un fin? A min, e esta é unha opinión totalmente rebatíbel, paréceme que unha vida que ten como fin único o traballo está condenada a ser unha vida escura e aburrida. Hai demasiadas cousas que ver, que facer, que experimentar, que sentir, que tocar, como para sermos tan realmente tontos que non vexamos máis aló do noso «marabilloso» posto de traballo por moito que nos guste. Creo, e sigo dicindo que é unha opinión, que é un erro dirixir a nosas vida a conseguir un posto de traballo. Traballo! Vai palabra. Nunca como até agora estivo tan caro conseguir un «misérrimo posto de traballo». Un elemento necesario para poder construír unha vida. É patético, pero esta sociedade así o quixo. No tempo dos «Gran Hermano», da «comida basura», do puterío televisivo, das mentiras gubernamentais, das miserias humanas, dos malos tratos á parella, aos fillos, dun mundo que camiña cara a autodestrución, os «poderes» conseguiron que a xente tivese que facer que o fin da súa vida fose conseguir un emprego. Nunha época na que o traballo debería estar xa garantido, onde os gobernos se deberían preocupar só pola formación dos seus gobernados, por acabar coas inxustizas e as guerras, só se preocuparon de manter un status quo e que as cousas non cambiasen. Derrotado o inimigo ideolóxico, a sociedade postcapitalista avanzada só considerou que o importante era, dunha vez por todas, sacralizar o mercado e facer que os seus gobernados pasasen de ser cidadáns a consumidores. Seres que só poden conseguir unha efímera felicidade consumindo, consumindo e consumindo produtos que cada vez son máis efímeros. A velocidade deste mundo vai camiño de levarnos a todos por diante. E todo isto por conseguir un posto de traballo. O traballo xa se converteu nun fin. Eles fixeron que así fose.