sexta-feira, fevereiro 10, 2006

ADEUS SIR FRANCIS

Despois de 23 anos, Sir Francis deixounos. Aló van Paseos Marítimos, Elevadores de San Pedro, Obeliscos Milenium e cincuenta mil trapalladas coas que nos agasallou este, en palabras del «socialista atípico». Moitas foron as súas obras faraónicas. Ben poucas as pequenas. As pequenas melloras que os cidadáns necesitamos cada día. Conseguiu que esta pequena cidade, algo industrial hai anos, se convertese nunha cidade para os ricos. A súa decidida aposta polo sector terciario deixou sen posibilidades reais de atopar traballo a miles de coruñeses que coma min, terán seguramente que emigrar da cidade que os veu nacer para poder ter un vida. Con el tamén marcha, iso espero, a negación da galeguidade desta cidade. «No nos dejan ser diferentes» pregoaba o insigne alcalde. Vía no galego o atraso, a marxinalidade e non deixou nos 23 anos de mandato de intentar expulsalo da cidade coma se da peste se tratase. Agora agardo que se abra unha nova etapa. Que aire novo entre no Concello e se non é demasiado tarde, corrixir o rumbo equivocado que estabamos a levar.
Como di o refrán: «QUE TANTA PAZ CONSIGA COMO GUERRA METEU DURANTE ESTES ANOS».