NUNCA MÁIS, NUNCA MÁIS
Hoxe conmemoramos (se esta data se pode celebrar) o 5 aniversario da desgraza do Prestige. Daquel desastre algunhas cousas mudaron para mellor: produciuse un cambio no goberno galego, o pobo galego tomou conciencia da súa existencia e revelouse contra o polifemo de chapapote, e fixeron parecer a Galiza no escenario mundial. Desde aquela, este recuncho do planeta xa era coñecido. Unha marea de indignación e de rebeldía (Nunca Máis) asolagou o planeta Terra. Pero non todo foi positivo. Meses despois, os que produciran este desastre volveron ser votados nas eleccións. Nas lexislativas do país galego quedaron a un só escano de revalidar a maioría. O tempo, que en moitas causas axuda a sandar a feridas, produciu un efecto narcótico nalgunha poboación. Foi como se o Prestige nunca tivera sucedido. Como se os que o produciran actuaran da mellor forma posible. Esta narcolepsia foi hoxe moi constatable nos medios de comunicación estatais. Nin un telexornal fixo referencia a esta data. Galiza unha vez máis voltaba ser un protagonista de segunda fila. Iso si, como sempre, até o próximo Prestige.
Etiquetas: Nunca Máis., Prestige