sábado, maio 31, 2008

Un novo camiño

Desde onte, 30 de maio, o barco da miña vida sae do porto cara a un novo destino. Onte foi o meu derradeiro día en Seamo. Atrás quedan días e días de reparto nunha furgoneta. Motores de arranque, alternadores, buxías, quentadores e todo o que poidades imaxinar sobre o subministro eléctrico do automóbil pasou pola miñas mans. Pero en todo este tempo non só me dediquei ao reparto. A miña outra profesión tamén estivo moi vixente. A tradución de textos para o galego para a editorial Xerais ocupou, se callar, moitas máis horas que a miña vida en Seamo. Froito disto algúns libros da miña tradución saíron á rúa. Desde A cidade e os días (en colaboración con Brétemas), Alimentación Saudable, ou libros de texto para 1º de Bacharelato da nova asignatura Ciencias para o mundo contemporáneo, ou algún de 3º de ESO levan o meu modesto selo. Este volume de traballo fixo que neste ano e medio practicamente non tivese vida. Dun traballo para o outro. Entón xurdiu a elección. Seamo ou tradución. Os meus anos de estudo e os meus gustos facilitaron a elección.

Etiquetas: ,

sábado, maio 10, 2008

Un día feliz

Foto: Xerais



Hoxe, 10 de abril, foi presentado no Museo Marco de Vigo a tradución que realizamos Manuel Bragado e eu do libro de Xosé María Álvarez Blázquez A cidade e os días. Teño que recoñecer que a tarefa da tradución nos requiriu un grande traballo, xa que nos enfrontabamos a unha obra que recolle, a modo de almanaque, a historia de Vigo durante os 365 días do ano. Dende o ano 60 despois de Cristo até 1936 o autor fai unha descrición dos feitos máis importantes que sucederon na cidade olívica.
O acto foi dunha grande carga simbólica. As palabras vertidas polo propio Manuel Bragado, o fillo do autor, Alfonso Álvarez Cáccamo, Lino Vázquez Gil, amigo e compañeiro de Xosé María Álvarez Blázquez, Ceferino de Blas, como Director Xeral de Faro de Vigo, xornal onde o autor publicou cada día durante o ano 1959 unha columna xornalística co fito máis importante da historia de Vigo, e do alcalde de Vigo, Abel Caballero, puxeron de relevo a importancia e a necesidade da obra.
Foi, como vos dixen, un día inesquecible. Mereceu a pena o esforzo realizado.

Etiquetas: