terça-feira, setembro 28, 2004

IN MEMORIAM

Este post quérollo adicar especialmente ao meu primo falecido este sábado. Tiña só 23 anos e toda unha vida por diante. Un quad privouno de ser feliz nesta vida e axudar aos seus pais a que o fosen. Non me chegarían as palabras para facer unha boa LAUDATIO da súa persoa. É máis non podo. Non teño forzas. So espero que aló onde estiver sexa feliz. David, meu primo, NUNCA TE ESQUECEREMOS!

sexta-feira, setembro 24, 2004

Tempus fugit

O tempo foxe ou iso di o adaxio latino. E tanto que pasa. Onte nunha despedida de solteiro esta realidade véuseme aínda máis enriba. Hai uns anos era eu o que compartía a noite co futuro marido. Agora outros amigos, outra xente ocupou a súa vida. O tempo pasa e con el as vidas mudan. A historia continúa. Unha historia que non sempre remata como a un lle gusta. C´est la vie!

quarta-feira, setembro 15, 2004

William Wallace, un exemplo a seguir


«Fillos de Escocia, viñestes loitar coma homes libres, e homes libres sodes, ¿que fariades sen liberdade?, ¿Loitaredes?, loitade e poida que morrades, fuxide, e viviredes, un tempo alomenos, e ao morrer no voso leito, dentro de moitos anos, non estaredes dispostos a cambiar todos os días desde hoxe até entón por unha oportunidade, ¡de volver aquí matar os nosos inimigos!, pode que nos quiten a vida, pero xamais nos quitarán... ¡a liberdade! ¡ALBA GOBRAK!»
Non se pode dicir máis con menos palabras. Pon os pelos de punta.

terça-feira, setembro 14, 2004

Castiñeiras


É a miña casa. Castiñeiras (Albixoi) a onde pertenzo. O meu lar. A miña historia familiar. O lugar onde teño as mellores lembranzas. As primeiras trastadas, as primeiras viaxes en bicicleta, as primeiras historias, os primeiros amigos, toda a miña vida. Castiñeiras. Un lugar ao que estarei ligado eternamente. O meu lar. A miña casa.
Para máis información visítese a páxina SIGPAC non podedes atopar a foto da vosa casa. É moi laborioso pero conséguese.

segunda-feira, setembro 13, 2004

Outro mundo é posíbel


Volvemos aos 70. Un bo camarada preguntábase no seu blog que eran os obreiros. Boa pregunta. Os obreiros xa non existen. Agora querendo liquidalos chámanos «operarios». A ruptura da conciencia de clase parece que funciona. Reducidos á mínima expresión e obrigados (ou iso parece) ao «sálvese quen poida» é quizais o momento de tomar conciencia do momento histórico que nos tocou vivir. Parece que o capitalismo gañou a partida. Ten a masa social de xeonllos esperando o tiro de graza que alivie do seu sufrimento. Non parece haber alternativa. Pero a que había realmente fracasou? O fracasamos nós. Un ser humano que parece que é egoísta por natureza. Creo que non. Espero que non. O diñeiro non o é todo neste mundo ou polo menos iso creo eu. As folgas nos asteleiros son quizais a punta dun iceberg que espero que nos faga abrir os ollos e que poidamos dunha vez por todas mudar este sistema que nos está deshumanizando. E coma unha vez dixo ese grande home chamado Castelao, pai da patria galega, «DENANTES MORTOS QUE ESCRAVOS». A revolución aínda é posíbel. Fagámola.

quinta-feira, setembro 09, 2004

A morte do último Bardo


Galiza chora. Un dos seus últimos bardos pasou ás terras do alén.
Home comprometido coa a terra e co ser humano escribiu os seus derradeiros versos unha, como non, tarde chuviosa de finais de verán. A memoria colectiva galega perde a unha das súas mellores voces. O país perde unha grande figura.
Eu, pola miña parte, perdo, e ben que o sinto, a oportunidade de coñecer a un home dos que os seus amigos cualificaban como «un home bo». Puiden coñecelo, mesmo entrevistalo pero, por motivos do destino, a alguén non lle pareceu demasiado de actualidade para unha práctica. Ao fin entrevistei un home que non lle faría nin a máis mínima sombra. Un anano comparado con este xigante. Noutra vida será.
Que as terras de Ávalon garden o teu destino.

segunda-feira, setembro 06, 2004

Beslán


O mundo volveuse definitivamente tolo. 155 nenos víronse envoltos nunha guerra da que eles non tiñan culpa. Os argumentos dos terrorista eran que querían devolver os choros a quen llo producira. Volvemos ao antigo testamento. Ollo por ollo, dente por dente. Unha espiral de odio que non ten fin.
Quero crer que o islam non predica esas cousas. Que o atentado é só obra duns fanáticos que só souberon solucionar una situación matando nenos. Uns homes, que por moi nobre que fose a súa causa, perderon todo o dereito. A independencia non se pode conseguir a base de poñer bombas nos colexios e matar civís que nada teñen a ver co conflito. Perderon a razón. Os seus métodos quitáronllela. Só espero que, se están no outro mundo, non atopen xamais o descanso. 155 nenos son o motivo.
Que leven tanto como deixaron.
Esta barbarie deixa os problemas dun en meras tonterías. Onde o sobrevivir cada día é xa un éxito fainos ver o afortunados que somos. Preguemos para que esta barbarie nunca máis se volva producir.

sexta-feira, setembro 03, 2004

Albixoi

A pronuncia deste nome causa unha estraña sensación na xente. Cando digo que é un lugar, ninguén me cre. Pensan que é un lugar brumoso, sacado das lendas artúricas, coma a mítica Ávalon. Pois existe. É unha pequena parroquia do concello coruñés de Mesía. É o meu refuxio, o lugar onde medrei e co que máis lazos afectivos teño. Todas as miñas lembranzas están vencelladas a el. Foi onde aprendín a disfrutar dunha historia contada polos meus maiores. Lendas, lembrazas de épocas pasadas, miles de anecdotas. Un mundo no que o falar era o importante. Hoxe todo o mundo anda con présas, até eu mesmo ando con présas. Moitas veces non sei nin por que.
É o meu lar.
Para máis información:
Concello de Mesía
Igrexa de Albixoi

quinta-feira, setembro 02, 2004

As miñas series de culto


«Aínda que xa non somos aquela forza que nos vellos tempos removía ceo e terra, seguimos sendo o que somos.O mesmo temple nos nosos heroicos corazóns, debilitados polo tempo e o destino, pero de férrea vontade para loitar, para buscar, para encontrar e para nunca renderse». John Sheridan dixit.
Unha frase completamente marabillosa. Outra pérola de saber de JMS.

Unha clase, mil historias


Un ano contempla esta imaxe. Quince historias que quizais se volvan reencontrar. Tímidos, extrovertidos, pasionais, fríos. O ser humano representado nunha clase. Cada un unha vida.

Eleccións 2005?


Será este o novo cartel promocial da candidatura de Fraga? A realidade ás veces supera á ficción. Tempus fugit.
Foto capturada de http://www.reizentolo.com


Volodia é un dos meus referentes. Quizais o noso tempo xa pasou.

Primeiro día postfracaso

Hoxe atópome un pouco emocionado. Un montón de xente, moita que non coñezo acudiu a este blog para darme ánimos. Sinceramente, moitas grazas a todos aqueles que deixastes unhas palabras de alento. Igualmente a todos aqueles que decidistes participar comentando algo. As miñas expectativas cando comecei con este blog eran máis ben pequenas. Só a visita dalgún amigo e pouco máis. Pero internet é incríbel e permite que moita xente pase por aquí. Algúns só pasarán outros, os menos quedarán para sempre. En principio axudoume a coñecer xente moi interesante. As Jessica Fletcher e demais. Pódese dicir que de algo serviu verter os meus pensamentos en internet.
Moitas grazas a todos os que participades. Estou realmente agradecido polos vosos comentarios.
Mañá será outro día. O resto é negociábel.