O meu último día
Pasou un ano. Experiencias boas e malas. Máis das primeiras. Hoxe enfróntome ao meu último día de curro. Unha estraña sensación invade o meu corpo. Unha especie de tristura que non sei moi ben como expresar. A sensación de medio fracaso persígueme. Todo o esforzo parece que non serviu demasiado. Agora a incerteza do futuro. As portas do INEM parecen as columnas de Hércules. Enormes. Pregúntome, serviu de algo todo isto? Realmente teño que responder que si. Por un lado adquirín uns coñecementos que non posuía e coñecín xente incríbel. A valoración é positiva. Pero como hai un ano sigo sen traballo. Ben, aínda peor, agora teño un ano máis. É momento de enfrontarse a novos retos. Quizais máster, ou como sempre digo: «a construcción ábrenos as súas portas». Realmente vai ser certo o que di miña nai «e grazas por ter algo». O futuro é algo neboento. Unha brétema espesa non nos deixa ver o que temos máis adiante. Só sei unha cousa. Mañá será outro día. Como dixo un sabio: «só sei que son un ser vivo, o resto é negociábel».
Para despedir este post rematarei coa frase doutro sabio: «SALUD Y REPÚBLICA».